Esta sección está dedicada aos documentos gráficos obtidos no contexto dos traballos do Atlas Lingüístico de la Península Ibérica que se conservan no Fondo Rodríguez-Castellano (Biblioteca Tomás Navarro Tomás, CCHS, do CSIC en Madrid). A maior parte fórmana fotografías ou debuxos que corresponden á lista temática para a que os cuestionarios pedían unha fotografía ou aos esquemas que certas preguntas requirían. Na páxina 50 do Caderno II E e na páxina 27 do Caderno II G figura esta lista encabezada polo título Fotografías:

  1.   Carro.
  2.   Xugo.
  3.   Cestos de vimbio, palla, esparto, etc.
  4.   Ferramentas do cultivo da terra (aixada, legón, angazo, sacho, etc.).
  5.   O arado.
  6.   Utensilios da recolección (gadaña, angazo, trillo, forquita, criba, etc.).
  7.   A vide e o viño (cesto, prensas, etc.).
  8.   A casa do labrador (conxunto e dependencias). Vistas características da aldea.
  9.   Mobles (escano, arcas, berces, candís, etc.).
  10. A cociña e os seus utensilios (louza de guisar, comer, fregar; vasillas para a auga, para lavar a roupa, etc.).
  11. Pezas do vestido (roupas, sombreiros, calzado).
  12. Persoas.

 
A partir destas instrucións, os enquisadores fixeron fotografías que se axustan a estes temas, algunhas de gran valor etnográfico. É unha mágoa que só se conserven as do Fondo Rodríguez-Castellano. En xeral, levan escritas no reverso unha breve descrición e a súa localización da man do enquisador, por iso se decidiu dixitalizar tamén as traseiras das fotos, que en ocasións resultan interesantes. Clasificáronse de acordo cos campos que a base de datos prevé para as respostas dos cuestionarios, que aparecen categorizados no despregable Clasificación. Deste xeito é posible facer buscas en todas as fotos e os gráficos clasificables, por exemplo, baixo “O tempo atmosférico”, “O home e a muller. Indumentaria”, “A casa”, etc.
 

  1. O terreo e a auga
  2. O tempo atmosférico
  3. O tempo cronolóxico
  4. Agricultura
    1. O arado
    2. O carro
    3. A oliveira e o aceite
    4. A vide e o viño
    5. Labores agrícolas
    6. A sega
    7. O xugo
  5. Animais
    1. Animais do campo. Mamíferos
    2. Animais do campo. Paxaros
    3. Animais domésticos
    4. Animais domésticos. A mata
    5. Insectos
    6. Animais. Outros
    7. Gandería
    8. Gandería. O leite e o queixo
    9. Apicultura
  6. Árbores e plantas
    1. Cultivadas
    2. Silvestres
  7. O home e a muller
    1. A familia e o ciclo da vida
    2. Calidades e outros
    3. O corpo humano
    4. Indumentaria
  8. A casa
    1. A casa. Construción
    2. Ocupacións domésticas
  9. Actividades humanas e oficios
    1. Albanelería
    2. O muíño e o pan
    3. Ferrería
    4. Carpintería
    5. Zapatería
    6. Outros oficios
    7. A igrexa
    8. Xogos e instrumentos
    9. Números, pesos e medidas
    10. Actividades humanas e oficios. Varios
  10. Oracións e sintagmas
  11. Información gramatical complementaria
  12. Refráns e adiviñas
  13. Narracións
  14. Outros

 
A través do cadro que figura á esquerda, a busca pode combinarse con outros datos que aparezan no pé de foto, datos referidos a un lugar concreto, a unha provincia, a un obxecto determinado, etc. E, tecleando Suxeitos, poden recuperarse as imaxes de moitos dos suxeitos de enquisa, os informadores, a quen debemos as informacións do ALPI.