No verán de 2007, no contexto das celebracións do centenario da Junta para la Ampliación de Estudios, e grazas a varias iniciativas promovidas por Blanca Calvo para recuperar a figura de Tomás Navarro Tomás, o CSIC propuxo retomar a publicación do Atlas Lingüístico de la Península Ibérica, interrompida desde 1962. Con anterioridade, David Heap, profesor da Universidad de Western Ontario, localizara e fotocopiara os cuestionarios do ALPI e comezara a colgalos nunha páxina web canadense. Despois de valorar a importancia do ALPI e a viabilidade da súa publicación, o CSIC encargoulle a Pilar García Mouton, profesora de Investigación do Instituto de Lengua, Literatura y Antropología (ILLA) do Centro de Ciencias Humanas y Sociales (CCHS) e especialista en xeolingüística, que coordinase a redacción en equipo dun proxecto científico ad hoc para sometelo a unha avaliación internacional. Como resultado, o CSIC decidiu liderar ese proxecto para permitirlle á comunidade científica o acceso ao ALPI completo, aproveitando as posibilidades de almacenamento e busca de contidos que ofrecen na actualidade as ferramentas electrónicas. Trátase dun proxecto chamado "intramural" porque o financia o propio CSIC, co título de Elaboración y edición de los materiales del Atlas Lingüístico de la Península Ibérica (ALPI), e referencia 200410E604, que foi concedido finalmente en marzo do ano 2009, e no que P. García Mouton coordina un equipo formado por Inés Fernández-Ordóñez (Universidad Autónoma de Madrid - Real Academia Española), David Heap (University of Western Ontario), Maria Pilar Perea (Universitat de Barcelona), João Saramago (Universidade de Lisboa) e Xulio Sousa (Universidade de Santiago de Compostela). v. EQUIPO CIENTÍFICO

Ademais do seu interese científico e histórico, a publicación definitiva dos materiais inéditos do ALPI ten gran valor simbólico, xa que supón rematar un dos principais proxectos da Escuela Española de Filología, que se concibiu e se dirixiu desde o Centro de Estudios Históricos, e do que os materiais foron no seu día entregados ao CSIC polo seu director, Tomás Navarro Tomás, precisamente para que se rematasen as enquisas pendentes e se puidese publicar.

É evidente que a elaboración dun atlas desta importancia debía facerse recorrendo aos grandes avances dos que se dispón nos últimos anos. O proxecto actual baséase nas posibilidades que a tecnoloxía informática lles proporciona aos traballos xeolingüísticos para o cartografado e, sobre todo, para realizar buscas no gran corpus de datos lingüísticos e etnográficos dun atlas como o ALPI. Unha vez concluído, permitirá realizar mapas clásicos (coa resposta recollida en cada un dos puntos de enquisa), mapas por áreas ou por isoglosas, mapas de símbolos e calquera outro tipo de elaboración prevista na ferramenta informática. Deste xeito, uns datos xa históricos poderán presentarse e consultarse do xeito máis innovador, coa vantaxe de que poderán ser utilizados non só por especialistas, senón por todas as persoas interesadas en saber cómo eran as falas e a realidade cultural das aldeas peninsulares na primeira metade do século XX.

A edición do atlas está deseñada case exclusivamente en soporte informático e a través da rede, a partir dunha base de datos xeorreferenciada aloxada nun servidor do CSIC, coas posibilidades que ofrecen os actuais sistemas de información xeográfica. O soporte papel, tan querido polos especialistas e tan necesario para asegurar as consultas no futuro, reservarase en principio para un número limitado de mapas.