Para o atlas buscáronse informantes, “suxeitos informadores”, que reflectisen a fala popular de cada localidade. Por iso elixían persoas nadas na aldea, preferiblemente dunha familia do lugar, que viaxaran pouco, sen instrución, e de certa idade, para que fosen lingüisticamente conservadores, aínda que evitaron enquisar “aos demasiado vellos”. En xeral, recorreron a homes, porque supoñían que terían máis coñecementos de terminoloxía agrícola que as mulleres. De todos os xeitos, cómpre sinalar que o ALPI enquisou moitas máis mulleres do que despois foi habitual nos atlas posteriores.
Folledo (León). Depositarias do dialecto. ARC ARC (Archivo Rodríguez-Castellano)
Cada enquisa adoitaba contar con dous suxeitos: un ao que se lle preguntaba o Caderno I, o de Fonética, Morfoloxía e Sintaxe, e outro para o caderno de Léxico. Nalgúns casos, as respostas contrastábanse ou completábanse coa axuda doutras persoas que coñecían a fondo os oficios polos que se preguntaba e algunha vez tamén se acudiu ás persoas do lugar con maior formación. Na lapela Galería pódense ver as fotografías de moitos dos suxeitos enquisados, fotografías conservadas por Lorenzo Rodríguez-Castellano e a súa familia.
Na Introducción ao ALPI, na páxina 7, faise referencia ao propósito de reunir nun libro (que non se chegou a facer) “as notacións” que se foran recollendo ao longo do traballo de campo:
en un libro anejo, en el que figurarán todos los detalles de las localidades estudiadas y los sujetos informadores, así como todas las observaciones relativas a cada mapa, con las variantes fonéticas, cambios de acepciones, noticias sobre la vitalidad de las formas, etc.
Lorenzo Rodríguez-Castellano traballando con varios informantes. ARC ARC (Archivo Rodríguez-Castellano)